Thursday 02 de May de 2024

Uns 150 nenos e nenas do novo colexio de Oroso participaron nunha xornada informativa sobre a reciclaxe e recibiron un xogo de Troi


 

O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, instou aos pequenos “a facer de profes cos vosos pais, a insistirlles na necesidade de facer unha boa separación en orixe pois iso será mellor para o noso medio ambiente”

Uns 150 nenos e nenas, de primeiro a sexto de Primaria, do novo Colexio de Oroso participaron esta mañá nunha divertida xornada formativa sobre importancia sobre reciclaxe. Durante a charla, os pequenos recibiron un xogo de mesa, cunha dinámica moi semellante ao xogo da Oca, protagonizado por “Troi”, a mascota que o Concello de Oroso está a utilizar para achegar o mundo da reciclaxe aos nenos e nenas do municipio.

Isto é así porque, como asegurou esta mañá o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, “queremos que os nenos e nenas fagan de profes cos seus pais, para insistirlles na necesidade de facer unha boa separación en orixe pois iso será positivo tanto para o noso medio ambiente como para a economía de todos, pois reducirase a factura do lixo”. De feito, os pequenos demostraron durante a charla que coñecen á perfección os distintos contenedores de reciclaxe e que residuos hai que depositar neles.

Mellora na reciclaxe

Manuel Varela, técnico de medioambiente do Grupo Soil, empresa encargada da reciclaxe en Oroso, explicou que “o obxectivo é reducir a cantidade de lixo no contenedor verde, no que van todos os residuos que non poden reciclarse, e incrementar as achegas nos outros”. Unha tendencia na que Oroso camiña con paso firme, pois no último ano reduciu nun 25,91% a porcentaxe de residuos que van ao contenedor xeral que se envía a Sogama: pasando dun 26,2% en 2013 ao 19,41% a 19 de agosto de 2014.

Ademais, Varela insistiulles aos pequenos que “cada vez é máis doado reciclar”, poñendo como exemplo o incremento nun 15,58% no número de contenedores amarelos para a recollida de plástico, bricks e metal, que en Oroso pasaron de 130 en 2013 a 154 en 2014. “Vós sodes os protagonistas da reciclaxe. Se non lle dicides a papá e a mamá que hai que separar o lixo na casa, o resto da cadea non funcionaría. Vós o sabedes facer ben, o problema son os maiores e aquí tendes que axudarlles e insistirlles”, explicoulles Manuel Varela aos pequenos.

Uns rapaces e rapaza que, a pesar da súa curta idade, coñecían á perfección en que contenedor ían cada tipo de residuo. E non só de xeito xenérico (como latas ou botellas), senón detalles como que era preciso retirar o tapón das botellas de vidro ou que as servilletas de papel non se poden botar ao contenedor azul.

Durante os 55 minutos da charla, os pequenos participaron en diversos xogos que superaron cunha nota moi elevada, amosando non só os seus coñecementos xerais sobre o tema, senón tamén os medios dos que dispoñen en Oroso: como o punto limpo para recollida de voluminosos ou os contenedores para a recollida de pilas e CD´s emprazados no municipio.